Sunday 05 de May de 2024

Bases xerais das convocatorias de subvencións dirixidas a entidades sen ánimo de lucro do concello de Riveira


1.–OBXECTO DA CONVOCATORIA.
Esta convocatoria ten por obxecto establecer os criterios e procedementos para a concesión de subvencións por parte do Concello de Riveira durante o exercicio 2016, destinadas a apoiar e impulsar actividades desenvolvidas por entidades sen ánimo de lucro consideradas de interese público, de acordo cos principios de obxectividade, concorrencia competitiva e publicidade.
Esta normativa será de aplicación a todas as convocatorias de subvencións que abarquen o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2016.
2.–ENTIDADES BENEFICIARIAS (requisitos).
Con carácter xeral, para optar a estas subvencións as entidades e asociacións deberán cumprir os seguintes requisitos que a continuación se relacionan, e salvo excepcións contempladas nas convocatorias específicas, só se concederá unha subvención por entidade, considerando como unha soa entidade aquelas nas que, a pesares de ter personificación xurídica diferente, os socios ou os membros da xunta directiva sexan comúns nunha porcentaxe superior ao 50%, así como as entidades vinculadas nos termos establecidas na Lei xeral de subvencións e na súa normativa de desenvolvemento.
As entidades beneficiarias deberán:
– Ter o seu domicilio social, ou sede, no concello de Riveira.
– Estar inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións antes do 1 de xaneiro de 2016.
– Contar cun número mínimo de vinte socios.
– Non estar incursa en ningún caso de incapacidade ou incompatibilidade para a percepción de axudas ou subvencións públicas.
– Estar ao corrente das súas obrigas coa Axencia Tributaria, Seguridade Social e Concello de Riveira.
– As entidades solicitantes non poderán ter pendente de xustificación ningunha axuda anterior do Concello, a non ser que se lles concedese unha prórroga.
3.–FINALIDADE (gastos subvencionables).
Poderán ser subvencionadas –ata un máximo do 50% do gasto acreditado– a organización das actividades ou proxectos obxecto da solicitude en cada convocatoria específica.
Como norma xeral, e salvo autorización expresa nas respectivas convocatorias, exclúense os seguintes gastos:
1. Os gastos de manutención, aloxamento e atencións protocolarias; polo tanto, este tipo de gastos, tampouco poderán incluírse nos presupostos que se presenten para calquera outra finalidade.
2. As viaxes de ocio e os derivados da organización de xantares, eventos gastronómicos, bailes e outros asimilables, nin aquelas actividades que acrediten como único gasto o derivado do subministro de produtos alimenticios, facturas de restaurantes, ou similares.
3. Os gastos de funcionamento das entidades. No orzamento soamente poderán incluírse gastos de funcionamento cando estean directamente relacionados coa realización dunha actividade para a que se solicita subvención; neste caso o importe correspondente aos gastos de funcionamento non poderá ser máis do 13% dos gastos directos da actividade subvencionada.
4. Os investimentos reais, posto que o obxecto da convocatoria é colaborar exclusivamente na organización e desenvolvemento de actividades.
5. Os derivados da celebración de festexos patronais ou de eventos que, a xuízo do Concello, resulten asimilables a estes.
As actividades financiadas deberán desenvolverse no período que abarca dende o 1 de xaneiro ata 31 de decembro de 2016.
4.–LUGAR E PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES.
4.1.–Lugar de presentación.
As solicitudes deberán presentaranse no rexistro xeral do Concello de Riveira, ou en calquera outros rexistros públicos aos que se refiren o artigo 38.4 da Lei 30/92, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o artigo 16 da Ley 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administración públicas.
4.2.–Prazo de presentación.
O prazo de presentación de solicitudes será de 1 mes e iniciarase ao día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
4.3.–Documentación integrante das solicitudes.
As solicitudes deberán achegarse nos modelos normalizados que figuran como anexos ás presentes bases:
Anexo I DESIGNACIÓN DA PERSOA REPRESENTANTE DA ENTIDADE ANTE O CONCELLO DE RIVEIRA
Anexo II DECLARACIÓN RESPONSABLE DO REPRESENTANTE DA ENTIDADE
Anexo III MODELO DE SOLICITUDE DE SUBVENCIÓN
Anexo IV DESIGNACIÓN DA CONTA BANCARIA NA QUE SE EFECTUARÁ O INGRESO DA SUBVENCIÓN
Estes anexos poderán obterse igualmente no Rexistro Xeral do Concello, así como na páxina web do Concello (www.riveira.es).
Co fin de acadar a máxima difusión posible das actividades acollidas á convocatoria, as entidades deberán xuntar á súa solicitude material publicitario da actividade para a que soliciten a achega. O Concello empregará este material como estime mais conveniente, co fin de favorecer o seu coñecemento por parte do conxunto dos veciños.
O defecto, erro ou ausencia na presentación de documentación á que se refire esta base deberá ser corrixido no prazo de dez días dende a recepción do requirimento para facelo.
5.–INSTRUCIÓN E RESOLUCIÓN DA CONVOCATORIA.
A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva, mediante comparación das solicitudes presentadas a fin de establecer unha prelación entre as mesmas, de acordo cos criterios de valoración sinalados nas bases específicas correspondentes.
Instrución do procedemento
A instrución dos procedementos corresponderalle á Concellaría competente en cada caso. No seo desta constituirase unha comisión avaliadora, composta polos seguintes membros:
 Presidente: o/a concelleiro/a delegado/a da área correspondente, ou persoa en quen delegue.
 Vogais: dous traballadores/as do departamento correspondente, designados polo/a concelleiro/a delegado/a.
Nas comisións actuará como secretario/a, sen voto, un empregado/a público do Concello.
Aos efectos indicados neste apartado, e antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, pola Alcaldía designarase:
 O traballador municipal que deba asumir a responsabilidade da tramitación de cada expediente.
 A persoa que deba asumir a secretaría de cada Comisión Avaliadora.
Proposta de resolución
A Comisión analizará as solicitudes presentadas dentro do prazo indicado na Base 5.2, determinando cales reúnen as condicións para se converter en beneficiarios. A este efecto polo servizo correspondente emitirase con carácter previo un informe ao respecto, que será incorporado ao expediente.
A Comisión poderá realizar de oficio as actuacións que estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos achegados polo beneficiario, en virtude dos cales formulará a proposta de concesión de subvención.
A continuación, a Comisión Avaliadora procederá ao exame das solicitudes presentadas, formulando proposta de concesión de achega despois da consideración das actividades que se van realizar, e en función dos criterios establecidos en convocatoria.
Importe das achegas que se conceden
Con carácter xeral, e salvo que se indique outra cousa nas bases específicas, o importe mínimo da achega concedida por entidade será de 300 € e o máximo non poderá superar os 2.000 €.
Aos efectos do previsto no artigo 32 do R.d. 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o orzamento da actividade presentado polo solicitante, ou as súas modificacións posteriores, servirán de referencia para a determinación do importe final da subvención, calculando este como unha porcentaxe do custo realmente executado, e debidamente acreditado.
Deste xeito, defínese o coeficiente de financiamento como o cociente entre o importe da subvención inicialmente solicitada e o importe do orzamento de gastos da actividade que se vai subvencionar presentado pola entidade xunto coa súa solicitude.
O orzamento subvencionado para xustificar, que se presentará para o cobro da achega, será o resultado de dividir o importe da subvención concedida polo coeficiente de financiamento.
O coeficiente de financiamento non poderá ser superior en ningún caso ao 50%.
Resolución do procedemento
De acordo co previsto no decreto de delegación de competencias de 01.07.15, o órgano competente para resolver o procedemento será a Xunta de Goberno Local, despois da proposta motivada da Comisión Avaliadora.
A resolución de concesión ditarse no prazo máximo de tres meses desde o remate do prazo de presentación de solicitudes.
A resolución de concesión deberá expresar a relación de solicitantes aos que se lle concedan axuda, ordenándoos en función da puntuación que obtivesen por aplicación dos criterios sinalados anteriormente, indicando o importe da axuda concedida.
A resolución designará igualmente os solicitantes suplentes, en orde de prioridade, e mais a relación de solicitudes desestimadas –se fose o caso– segundo se establece no artigo 25 da Lei xeral de subvencións.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
Notificación e aceptación da resolución
A resolución da concesión deberase notificar expresamente a todos os solicitantes de forma fidedigna no prazo de (10) días naturais. Se transcorrido ese prazo non se fixese manifestación expresa en ningún sentido, entenderase que o beneficiario está a aceptar a achega concedida.
A falta de resolución expresa en prazo implicará a desestimación da solicitude.
Contra a desestimación expresa ou presunta das solicitudes presentadas poderán formularse os recursos que procedan.
6.–XUSTIFICACIÓN E PAGAMENTO.
Xustificación
O prazo de xustificación finalizará o 31 de xaneiro de 2017, agás que se solicitase e concedese unha prórroga, a instancia de parte en todo caso. A falta de resolución expresa antes do remate do prazo de xustificación implicará a desestimación da solicitude de prórroga.
A prórroga que se conceda será única, e en ningún caso se admitirán xustificacións presentadas despois do 28 de febreiro de 2017, debendo sempre referirse a gastos efectivamente realizados no período subvencionable, a saber, do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2016.
Pagamento
Para o pagamento das subvencións presentaranse memoria xustificativa, de acordo co modelo que figura como anexo a estas bases, na que se relacionarán os gastos nos que se incorreu con indicación específica do programa ou actividade obxecto de subvención ao que corresponden. Á memoria deberán xuntarse en todo caso facturas orixinais (ou copias COMPULSADAS) dos gastos.
As facturas deberán cumprir os requisitos esixidos polos regulamentos do IVE e de expedición de facturas.No caso de facturas expedidas por persoas físicas deberá acreditarse o ter practicado a oportuna retención por IRPF.
O pago das facturas achegadas como xustificación deberá quedar acreditado documentalmente mediante a utilización de transferencia bancaria, tarxeta de débito ou crédito, cheque nominativo ou calquera outro medio que deixe constancia da data de pago e da identidade do perceptor. Só excepcionalmente se poderá realizar o pago en metálico para gastos de ata 150 €, nos que non resulte posible a utilización dun dos medios anteriormente indicados, e ata un importe total máximo que non supere o 10% do gasto xustificado.
Deberá xuntarse igualmente á memoria copia dos carteis que se utilizaran para dar publicidade á actividade. A difusión da actividade deberá ser levada a cabo preferentemente en lingua galega, facéndose constar en todo caso a colaboración do Concello de Riveira.
Á vista da documentación xustificativa presentada e logo dos informes previos da Concellería correspondente, e da Intervención, o órgano competente valorará o cumprimento das actividades ou investimentos subvencionados e se a documentación é correcta, procederase ao pagamento da subvención.
Para a valoración do cumprimento da finalidade básica da subvención terase en conta o seguinte:
 No caso de que se xustifique gasto polo 100% do presuposto subvencionado a xustificar, aboarase a totalidade da subvención.
 No caso de que se xustifique gasto inferior ao 100% e, polo menos do 50% do presuposto subvencionado a xustificar, aboarase a parte proporcional da subvención.
 No caso de que se xustifique gasto inferior ao 50% do presuposto subvencionado a xustificar, non se considerará cumprida a finalidade básica da subvención, polo que non se aboará cantidade ningunha.
No caso de que a documentación xustificativa fose incorrecta ou insuficiente, darase un prazo de dez días para a súa corrección. Pasado o dito prazo arquivarase a solicitude e non terá dereito a reclamación.
O aboamento da subvención materializarase mediante ingreso na conta sinalada pola entidade.
7.–OBRIGAS DE DIFUSIÓN DA COLABORACIÓN FINANCEIRA DO CONCELLO.
Os beneficiarios das subvencións farán constar en toda a publicidade que se poida xerar que recibiron unha subvención do Concello de Riveira, empregando a imaxe corporativa do Concello (Escudo Municipal), sempre que sexan actuacións realizadas en datas posteriores á recepción da comunicación da resolución.
8.–REINTEGRO DAS SUBVENCIÓNS.
As subvencións serán reintegradas nos supostos previstos no artigo 37 da Lei 38/2003 de 17 de novembro.
Así mesmo, procederá o reintegro da achega en caso de incumprimento da obriga sinalada na base anterior.
9.–OUTRAS SUBVENCIÓNS OU AXUDAS.
As achegas concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con outras que puidesen obter os beneficiarios doutras administracións públicas, sempre e cando a suma de todas elas non exceda do custo da actividade subvencionada.
10.–RÉXIME SANCIONADOR.
Os beneficiarios de subvencións quedarán sometidos ás responsabilidades e réxime sancionador disposto na normativa estatal e autonómica reguladora das subvencións publicas, se é o caso, ao disposto no Código Penal (Lei Orgánica 10/85).
11.–DISPOSICIÓNS ADICIONAIS.
Disposición adicional primeira
Con carácter xeral admitiranse fotocopias sempre que veñan compulsadas:
– Diante de notario.
– Polo Rexistro Xeral do Concello.
– Polo Rexistro doutros organismos públicos, naqueles casos nos que se presenten os documentos a través doutros organismos públicos que estean autorizados a efectos de rexistro.
Disposición adicional segunda
Para o non previsto nesta convocatoria serán de aplicación as normas incluídas nas Bases de execución do orzamento xeral, na Lei 38/2003, xeral de subvencións e no seu Regulamento e na Lei 9/2007 de subvencións de Galicia.
Disposición adicional terceira
Para os efectos da salvagarda do dereito dos participantes na presente convocatoria á protección dos seus datos de carácter persoal, nos termos previstos na Lei orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, faise constar que os datos das subvencións concedidas quedarán incorporados ao Rexistro Público de Subvencións.
Disposición adicional cuarta
Os beneficiarios de subvencións concedidas polo Concello quedarán obrigados a se someter a todas as actuacións que este poida acordar para comprobar que os fins aos que se dedica a subvención se corresponden cos fins para os que se solicitara e concedera a axuda, e para comprobar se cumpren todas as condicións esixidas para a súa concesión.
O beneficiario deberá someterse aos procedementos de control ou de auditoría que se realicen pola Intervención Municipal, polos seus propios medios ou a través de empresas colaboradoras, e tamén, na súa condición de contratante, aos procedementos de control que poida realizar o Consello de Contas de Galicia, o Tribunal de Contas ou calquera outro órgano de control interno ou externo. Como resultado dos ditos procedementos poderase esixir responsabilidade administrativa, consonte ao previsto na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e, no seu caso, responsabilidade penal, de conformidade co Código Penal.
Disposición adicional quinta
Para todo o non previsto nestas bases será de aplicación o contemplado no marco normativo vixente, e especialmente na base n.º 51 e seguintes de execución de orzamento.